Tuesday 14 de May de 2024

A narración oral regresa á Pobra con dúas funcións ao abeiro do festival Atlántica


A undécima edición do festival internacional de narración oral Atlántica levará historias non só a distintos puntos de Galicia, senón tamén a Portugal. A Pobra do Caramiñal constitúe unha das sedes deste evento cultural, polo cal a localidade será escenario de dúas funcións no mes de xullo.

A primeira enmárcase no bloque adulto. Rilo & Penadique xuntarán a palabra dita e a música en Lavandeiras, que terá lugar no adro da igrexa do Castelo. Descubriranlle ao público no día 1, ás 21.00 horas, todo o patrimonio oral que rodea os lavadoiros e este oficio desenvolvido tradicionalmente polas mulleres.

E, no programa infantil e familiar, Pakolas levará Rockeando con Ramona pequena ao Cantón da Leña. Alí contarase e cantarase a historia dunha nena movida por constantes inquedanzas, cunha mente esperta e imaxinativa. As persoas asistentes mergullaranse nunha aventura didáctica e rockeira na cal aprenderán que os soños poden facerse realidade. Será no día 6, ás 20.30 horas.

Ámbalas dúas son de balde e contan coa colaboración da Concellaría da Cultura, atopándose enmarcadas na axenda Verán Cultural 2023. Máis información na páxina web www.festivalatlantica.gal.